Wednesday 15 de May de 2024

Regresa ao Aquarium Finisterrae a actividade ‘Aventura coas focas’


Os e as participantes poderán participar na elaboración da comida e alimentar e revisar o estado destes mamíferos

O Aquarium Finisterrae recupera a partir deste Nadal a actividade ‘Aventura coas focas’. Trátase dun obradoiro de divulgación científica para coñecer de primeira man a rutina diaria das focas que viven nas piscinas exteriores.

Durante os 90 minutos que ocupa a actividade, de 11.00 a 12.30 horas, as persoas participantes visitarán a cociña do Aquarium, participarán na preparación dos alimentos e accederán ás plataformas exteriores onde se alimenta e revisa o estado destes mamíferos mariños.

A actividade está dirixida a maiores de 7 anos, que deberán acreditar a súa idade con DNI ou fotografía do libro de familia onde figure o nome e a data de nacemento. Os nenos e nenas deberán ir acompañados durante toda a actividade por unha persoa adulta que se fará cargo dun máximo de dous menores. Esta actividade non ten custo engadido ao prezo que cada visitante deba aboar para entrar no recinto, mais require a reserva de entradas para todas as persoas participantes, que se poderán reservar nun enderezo web cun máximo de 3 días de antelación.

As entradas aboaranse no momento de chegar á actividade, na recepción do Aquarium. A primeira sesión celebrarase o domingo 26 de decembro. Polas características da actividade, ofertaranse só 12 prazas en cada sesión.

As persoas que tiñan praza antes de suspenderse a actividade polo inicio da pandemia terán oportunidade de participar agora se o desexan. Estas persoas, recibirán un correo electrónico no que se lles indicará os días no que poderán asistir.